ARDENTÍA DE LEMBRANZAS

Ardentía de lembranzas
para Relatos de Verán-2015     … non publicado
Hai lembranzas do meu País que salientan na miña alma un ronsel de
cantigas e de rezos, de romarías e velorios, de paisaxes de soutos e
carballeiras, de frías mañás de orballos tecendo doces sons na terra
agradecida, de escumas do mar, aló onde bate co ceo, ardendo no solpor
dunha paisaxe de homes e mulleres loitando día a día neste fermoso val
de Galicia inzado de corredoiras, chousas e prados. Escoito ó lonxe un
carro de bois que renxe forte rachando a soneca da tardiña, un coro de
cans de palleiro ouveando sen xeito, vexo unha eira, un cabazo con
centeo e trigo, unha cortiña de verzas e patacas, porcos e galiñas
fozando na terra, unha casa e, na porta, dúas nenas coas súas bonecas
de trapo, e catro nenos na eira xogando a billarda. Alí estou eu tamén, lacazán, amigo de falcatrúas e de escoitar atento o bruar do vento na carballeira e o petar dos zocos da miña avoa corredoira arriba. Ela, miúda de corpo, forte coma un penedo, coas súas pequenas mans facedoras de milagres, goberna as poucas cousas da casa, ela, inventora de farturas, sempre toda de loito. Eu véxoa cos ollos da saudade. Asemade, achégase a min, nun balbordo, a cantiga húmida das augas do veciño Tambre percorrendo a súa andaina rindo a escachadas
cara o ría de Muros, callado de brétemas e de follas. As brétemas no
meu País pentean de cinza e auga unha paisaxe que desaparece coma se
fose un pantasma de fume. A xente, os castiñeiros, as silveiras,
esvaecen cando o fuscallo fai das súas neste val de bágoas. Choran os
salgueiros unha semente de auga que fará medrar plantas e nenos.
Bendita chuvisca pingando das tellas da palleira, dos carballos, das
corticeiras, ela molla docemente gando e terra e tamén ó Manoel meu
avó, outrora mariñeiro, que apaña vimbios a beira do río. Lembro a meu
avó, agora zoqueiro, cesteiro, contador de historias nas longas noites de inverno, o carón dos tizóns da lareira, festa de fume e charamelas. ¡Cóntame outra vez, avó, cando de mozo andabas o Gran Sol!. Nos ollos e na risa de meu avó
estala unha antiga marea de peixes, redes e gaivotas. Tamén no meu
peito agora, moitos anos despois, estala esta ardentía de lembranzas
do meu País «

Deja un comentario